martes, 19 de febrero de 2013

Comunicado de apoio aos bombeiros #AureliaSeQueda

COMUNICADO DE APOIO AOS BOMBEIROS DA CORUÑA ASINADO POLOS COLECTIVOS CIDADÁNS E VOLUNTARIAS E VOLUNTARIOS QUE ESTÁN A EVITAR O DESAFIUZAMENTO DE AURELIA REY.

En días como o de hoxe, a impotencia fronte á inxustiza move as conciencias da xente. Onte saiu a cidade á rúa a dicirlle ao conxunto de poderes que a goberna que botar unha octoxenaria da súa casa polo retraso en dúas mensualidades do aluguer non é xusto, aínda que o dictamine a lei.

Onte case todo o público, o que se paga cos nosos impostos, fallounos e situouse en contra da cidadanía. E dicimos case todo o público, porque nos fallaron a xustiza, a delegación do Goberno, a policía e os servizos municipais. Mais houbo unha excepción: o, para nós, admirábel corpo de bombeiros da cidade, concretamente as súas bases, os que sempre obedecen, pero esta vez decidiron non facer caso e dixeron NON, NON participamos  nunha decisión tan inxusta. Non colaboraremos co desafiuzamento de Aurelia.

A actitude solidaria e valente dos nosos amigos e xa compañeiros bombeiros será imitada: non pode ser doutro xeito.
Somos os peóns do poder e a súa forza depende da nosa colaboración. O de onte non só foi un xesto, é unha pequena fenda no muro co que o poder, cos seus abusos, coarta a liberdade e os dereitos da cidadanía. Con xente coma vós, os bombeiros da Coruña, o esforzo do noso traballo na rúa vese compensado.

É por iso que, desde o conxunto da cidadanía que integra o grupo de STOP DESAFIUZAMENTOS, aplaudimos o voso comportamento e comprometémonos coas súas consecuencias. Non vos sancionarán. Non o permitiremos, e menos despois do esperpéntico espectáculo que vivimos onte, onde só vos mantivestes o tipo e situástesvos co pobo.

Estaremos pendentes das medidas que puidesen adoptarse en represalia e, dende as rúas, pararémolas, como estamos detendo o desafiuzamento de Aurelia.

Recibide unha fonda aperta chea de aprezo e admiración de todas as voluntarias e voluntarios do 15-M e demais colectivos cidadáns.

TODAS E TODOS XUNTOS PODEMOS.